← Volver atrás

Fernández Fernández, Manuel

Alcume: Cauterio
Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Depurado. Encarcerado

Nacemento:

Barrio de Monelos, A Coruña
- 20/10/1904 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

Madrid
- 26/12/1993 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Practicante, sindicalista e político, 32 anos. Casou en 1928 con Dolores Regueiro Lareo. Veciños da rúa San Roque, 16-1º, na Coruña. Estudou para practicante na Universidade de Santiago de Compostela (USC) de 1921 a 1924. Practicante da Beneficencia Municipal da Coruña; en 1928 era secretario do Colexio Oficial de Practicantes e presidente en 1935.

Militante da CNT. Presidente do Partido Sindicalista (PS). Socio do Centro de Estudos Sociais Germinal.

O día 26/03/1930 no Pazo de Hermida, propiedade do anfitrión José Vázquez Batalla, tivo lugar a reunión de 50 republicanos no coñecido como Pacto de Lestrobe, no que se acordou, entre as persoas reunidas na asemblea, a creación da Federación Republicana Galega (FRG).

Os asistentes en representación da Coruña foron 18: Gerardo Abad Conde, José Calviño Domínguez, Santiago Casares Quiroga, Joaquín Cotarelo Martínez, Manuel Fernández Fernández, Aurelio Fernández Morales, Ricardo García Lago, Juan González Rodríguez, César Guillán Bozo, Manuel Insua Sánchez, Ramón Lago Portela, Eduardo Paredes Rodríguez, Federico Pérez Lago, Alfredo Somoza Gutiérrez, Arturo Taracido Veira, Antonio Villar Ponte, Julio Wonenburger Canosa e Juan Wonenburger Varela. Por Betanzos 1: Víctor Montoto Arias. Polo Carballiño (Ourense) 1: José del Peso Sevillano. Por Lugo estiveron 2: César López Otero e Rafael de Vega Barrera. De Pontevedra 8: Amancio Caamaño Cimadevila, Víctor Casas Rey, José Echevarría Novoa, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Vicente García Temes, Joaquín Maquieira Fernández, Joaquín Poza Juncal e Avelino Silva Güimil. Por Ourense 4: Luis Fábrega Coello, Santos Fernández Fueyo, Pío Príncipe Gracia de Romero e Jesús Prósper Ros. De Santiago de Compostela 13: Fernando-Luis-Ventura Barros Pumariño, José Caamaño Caamaño, Joaquín García Labella, Rodrigo-Patricio García Rey, Manuel-María González López-Prado, José-Vicente López Chacón, Constante Nogueira Sardiña, Ramiro Prieto Cernadas, Jesús San Luis Romero, Laureano Santiso Girón, Luis Seoane López, Andrés Suárez Rodríguez e Narciso Vidal Fraga. Na representación de Vigo 1: Federico Zamora Mosquera. Por Vilagarcía de Arousa 2: Dámaso-Luis-Ramón Carrasco Duaso e Luis García-Reboredo Isla.

Participou cos cenetistas Ricardo García Lago e César Guillán Bozo, como delegado de Vangarda de Esquerda Republicana (VER) da Coruña.

Nos anos trinta era militante do PS da Coruña do que chegou a ser presidente e onde coincidiu con César Guillán Bozo, quen era vogal dese PS, logo depurado e encarcerado e con José Villaverde Velo. Eran contrarios ás posicións tan radicais dos da Federación Anarquista Ibérica (FAI) e por iso crearon en 1933 o PS. Na ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja fora intermediario entre a CNT e o movemento libertario.

Cando en febreiro de 1932 a Francisco Franco Bahamonde o destinaron á Coruña como xefe da 15ª Brigada de Infantería da VIII División Orgánica (o equivalente a gobernador ou segunda autoridade militar na praza), encomendóuselle a Manuel e outro compañeiro a súa vixilancia, pois xa se sospeitaba que Franco puidera estar implicado no movemento rebelde do xeneral José Sanjurjo Sacanell. Nunha ocasión o seu compañeiro de vixilancia díxolle a Manuel "¡A este tipo hay que liquidarlo, pues no me inspira ninguna confianza!". "Tenía la pistola cargada y estaba muy excitado. Me costó mucho hacer que desistiera...".

Fuxido. Depurado. Encarcerado.

A primeiras horas da noite do 17 de xullo chegaban ao Goberno Civil as primeiras novas da sublevación. Francisco Pérez Carballo, gobernador civil, recibía instrucións para convocar aos líderes políticos e sindicais para facer unha fronte común para defender a legalidade política, referendada nas urnas en febreiro, organizando o chamado Comité de Defensa da República, igual formado se aplicaba en todas as cidades e pobos de España. O gobernador convoca unha reunión o 18 de xullo.

A da Coruña formábaa o gobernador Pérez Carballo; Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Local do PSOE; José García García, Pepín da Lixivia, polas XSU; José Moreno Torres, secretario xeral da Confederación Rexional Galaica (CRG); Francisco Mazariegos Martínez, da UXT; Alfredo Suárez Ferrín, alcalde e representante de UR; Eladio Muíños Díaz, da CNT; Jacinto Méndez Esporín, da FAI; Manuel Fernández Fernández, do PS; Nicolás Torres Ferro, polo PCE; Plácido-Ramón Castro del Río, polo PG; Joaquín-Manuel Guzmán García, por ER e Luis Vidal Ojén, polas Xuventudes de ER. Todo co obxectivo de enfrontarse á rebelión militar que se agardaba estoupase en calquera momento na cidade. Armar os obreiros, formar patrullas para vixiar a evolución dos movementos nos cuarteis, controlar as comunicacións e aos individuos extremistas de ideoloxía fascista, requisar as armas aos das dereitas, controlar as rúas para manter a orde e facer quendas de vixilancia no Goberno Civil.

No ano 1936 Manuel foi un dos defensores do Goberno Civil da Coruña e, despois de que o arrestaran e internaran na Prisión Provincial da Coruña, estivo a piques de que o pasearan. En setembro dese ano sacárono do cárcere e desterrárono a Betanzos (A Coruña), onde tamén o quixeron pasear. Para escapar desa represión mantívose fuxido durante toda a guerra civil.

Os franquistas despedírono do seu posto de traballo, o día 01/09/1936, a proposta do inspector provincial de Sanidade. Non se conserva o seu expediente no Arquivo Municipal da Coruña (AMC).

Marchou a Madrid e nos anos corenta volve a Galicia para reorganizar o Movemento Libertario e ser membro do Consello Nacional da Alianza de Forzas Democráticas.

O día 10/04/1946 arrestárono en Madrid con todo o Comité Nacional da CNT e condenárono a 12 anos de prisión. Pasou polas cadeas de Alcalá de Henares, Ocaña, San Miguel de los Reyes, Hospital Penitenciario e polas fatídicas obras do Val dos Caídos; despois enviárono a Buitrago.

Quedou en liberdade no ano 1951.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.