← Volver atrás

Casares Quiroga, Santiago

Alcume: Casaritos
Perfil histórico: Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Exiliado. Sancionado

Nacemento:

A Coruña
(A Coruña)
- 08/05/1884 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

París
(Francia)
- 17/02/1950 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Avogado e político, 52 anos. Casou o día 27/10/1920 con María de la Gloria Pérez Corrales, modista, quen exiliada en Francia (morre de cáncer no 1946). Veciños da rúa Panadeiras, 12-1º, na Coruña. Pai solteiro de Esther Casares Quiroga, encarcerada, e de María-Victoria Casares Pérez, María Casares, actriz. Nacera na rúa Estreita de San Andrés, na Coruña. O seu pai Santiago Casares Paz (+1920) chegou a ser alcalde da Coruña en 1917 e faleceu en Donostia (Guipúscoa). Santiago sufría de tuberculose desde os cinco anos. Licenciado en Dereito pola Universidade Central de Madrid, rematando en 1910, ano no que volve á Coruña, exercendo de avogado penalista, entre outras cousas.

Antimilitarista, anticatólico, anticaciquil e antiseparatista como Manuel Azaña Díaz.

Membro de Solidaridad Gallega, movemento que atacaba o caciquismo. Socio do Casino Republicano da Coruña do que sería vicepresidente en 1916. Dirixente da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns no ano 1922.

Director do xornal republicano Tierra Gallega en 1914, que pechou en decembro dese ano.

Concelleiro da Coruña no ano 1911, polo Partido Republicano Autónomo (PRA), reelixírono no ano 1915 e 1918; en 1920 non se presentou ás eleccións. No ano 1917 pertencía ao Partido Republicano Español (PRE) e despois á Federación Republicana, Democracia Republicana, Partido Autonomista Galego. Logo veu a parálise democrática da ditadura de Miguel Primo de Rivera Orbaneja. En 1926 ingresou en Alianza Republicana (AR), coa que mostrou o seu descontento no ano 1928.

O día 05/09/1929 foi un dos fundadores e dirixente da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), creación na que colaborou co seu amigo Alfredo Somoza Gutiérrez, entre outras persoas. Tiña escaso interese por fomentar o galeguismo, ao contrario que o sector galeguista que encabezaba Antonio Villar Ponte. Nestes primeiros momentos de ORGA tamén o acompañou o moderado Leandro Pita Romero. Impulsor de ORGA co seu amigo Arturo Taracido Veira, quen sería encarcerado e depurado; Arturo, no seu momento, prestou axuda a Esther Casares, cando a acosaban os sublevados.

Militante desde 1917 das loxas masónicas Hispano América nº 379, Gallaecia nº 408 e Suevia nº 4, da que foi venerable mestre en 1925,

O día 26/03/1930 no Pazo de Hermida, propiedade do anfitrión José Vázquez Batalla, tivo lugar a reunión de 50 republicanos no coñecido como Pacto de Lestrobe, no que se acordou entre as persoas reunidas na asemblea a creación da Federación Republicana Galega (FRG).

Os asistentes en representación da Coruña foron 18: Gerardo Abad Conde, José Calviño Domínguez, Santiago Casares Quiroga, Joaquín Cotarelo Martínez, Manuel Fernández Fernández, Aurelio Fernández Morales, Ricardo García Lago, Juan González Rodríguez, César Guillán Bozo, Manuel Insua Sánchez, Ramón Lago Portela, Eduardo Paredes Rodríguez, Federico Pérez Lago, Alfredo Somoza Gutiérrez, Arturo Taracido Veira, Antonio Villar Ponte, Julio Wonenburger Canosa e Juan Wonenburger Varela. Por Betanzos 1: Víctor Montoto Arias. Polo Carballiño (Ourense) 1: José del Peso Sevillano. Por Lugo estiveron 2: César López Otero e Rafael de Vega Barrera. De Pontevedra 8: Amancio Caamaño Cimadevila, Víctor Casas Rey, José Echevarría Novoa, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Vicente García Temes, Joaquín Maquieira Fernández, Joaquín Poza Juncal e Avelino Silva Güimil. Por Ourense 4: Luis Fábrega Coello, Santos Fernández Fueyo, Pío Príncipe Gracia de Romero e Jesús Prósper Ros. De Santiago de Compostela 13: Fernando-Luis-Ventura Barros Pumariño, José Caamaño Caamaño, Joaquín García Labella, Rodrigo-Patricio García Rey, Manuel-María González López-Prado, José-Vicente López Chacón, Constante Nogueira Sardiña, Ramiro Prieto Cernadas, Jesús San Luis Romero, Laureano Santiso Girón, Luis Seoane López, Andrés Suárez Rodríguez e Narciso Vidal Fraga. Na representación de Vigo 1: Federico Zamora Mosquera. Por Vilagarcía de Arousa 2: Dámaso-Luis-Ramón Carrasco Duaso e Luis García-Reboredo Isla.

En 1930 participou no Pacto de San Sebastián en representación da Federación Republicana Galega (FRG), que nacera no Pacto de Lestrobe.

Amigo e socio de Juan Wonenburger Varela no Atlantic Hotel.

Xulgado en consello de guerra Madrid o 20/03/1931 polos sucesos revolucionarios de Jaca de decembro de 1930; como aos seus compañeiros membros do Goberno provisorio republicano impúxoselle unha pena de seis meses e un día de cárcere e ingresou na prisión Modelo; por decisión do consello de guerra puxérono en liberdade provisoria o 24 de marzo. Un mes antes tiña caído a “Dictablanda” de Berenguer. Posto en liberdade, Casares regresou á Coruña, onde recibe un gran acollemento o 28 de marzo.

Triunfante a República nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, republicano desde moi novo e amigo de Manuel Azaña Díaz, formou parte de varios gabinetes que Azaña presidira; desempeñou as carteiras de Marina (1931), Gobernación (1931-1933) e Obras Públicas (1936).

En abril de 1931 nomeou ao seu amigo Vicente Varela Radío como gobernador de Pontevedra e, a finais do mesmo ano, gobernador civil de Ourense. Tamén nomeou presidente da Deputación da Coruña a Alfredo Somoza Gutiérrez, o seu amigo, pero por discrepancias con el Alfredo dimitiu o día 15/07/1932.

En marzo de 1932 a FRG pasou a chamarse Partido Republicano Galego (PRG). Sendo ministro de Gobernación, en agosto de 1932 produciuse o fracasado golpe de Estado de José Sanjurjo Sacanell. Oporíase á conmutación da pena de morte deste rebelde porque “rompe la firmeza del Gobierno, alienta a los conspiradores, y nos impide ser rigurosos con los extremistas” e pediría a pena de morte.

Neste período como ministro de Gobernación opúxose á presentación do Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) diante das Cortes Españolas, tendo enfrontamentos cos galeguistas, en particular con Antonio-Hipólito Alonso Ríos.

No período republicano tamén foi deputado nas Cortes españolas pola provincia da Coruña.

Despois da desfeita dos republicanos nas eleccións de 1933, o PRG integrouse en Esquerda Republicana (ER), que logo se integraría na Fronte Popular (FP) para gañar as eleccións de febreiro de 1936.

Durante o seu ministerio nomeou ao seu amigo Francisco Pérez Carballo como Gobernador Civil da Coruña o día 10/04/1936.

O 13 de maio de 1936 asumiu a presidencia do Consello de Ministros, cando Azaña acadou a presidencia da República; presidiu o Goberno da República e o Ministerio da Guerra nos meses anteriores ao golpe de Estado e despois dun lapso do 11 ao 13 de maio no que a presidencia estivera nas mans de Augusto Barcia Trelles. Esta presidencia do Consello de Ministros interesaba entregala a Indalecio Prieto Tuero, pero esta vía vetárona os socialistas de Francisco Largo Caballero.

No seu Goberno Augusto Barcia Trelles ocupou o Ministerio de Estado, José Giral Pereira a carteira de Mariña e Juan Moles Ormella o Ministerio de Gobernación.

Nesta época de presidente do Goberno volveu opoñerse á presentación do EAG diante das Cortes, segundo a testemuña de Alfonso-Daniel-Manuel Rodríguez Castelao.

O día 23 de xuño escríbelle unha carta, na que entre outras cosas lle manifesta: “Faltan a la verdad los que presentan al Ejército como desafecto a la República. Mienten, los que simulan complots a la medida de sus pasiones

José Calvo Sotelo tivo graves enfrontamentos parlamentarios co presidente do Goberno Santiago Casares e chegou a defender o golpe militar contra da anarquía reinante. Calvo Sotelo mantiña que o Goberno protexía máis as milicias da Fronte Popular que ao propio Exército e ás forzas de seguridade. Casares acusouno de simpatizar con grupos que chamaban ao golpe militar, do que o facía o máximo responsable.

Mostrouse confiado diante do alzamento e non soubo reaccionar adecuadamente, pensando que acabaría mal como a “Sanjurjada”.

En maio o director xeral de Seguridade, José Alonso Mallol, entregoulle a el e a Manuel Azaña unha listaxe de 500 implicados na conspiración; o 16/07/1936 varios membros da Unión Militar Republicana Antifascista (UMRA) indicáronlle a inminencia da sublevación e solicitaban a destitución dos xenerais Goded, Franco, Fanjul, Mola ou Varela, así como outros sospeitosos. Incluso un grupo nacionalista marroquí o advertiu. Casares seguiu sen facer nada; nunha ocasión dixo do xeneral Emilio Mola Vidal (cerebro da sublevación) que era “un general leal a la República”.

A tarde do 17 de xullo a guarnición de Melilla sublevouse, inicialmente Casares mantívose optimista e incluso ao inicio do Consello de Ministros non informou, nun principio, aos membros do gabinete. Despois e logo de informalos, desprazouse ao Ministerio da Guerra e decidiu enviar unidades da Mariña ao Marrocos español. Pero a sublevación estendíase e o día 18, cando Gonzalo Queipo de Llano Sierra se subleva en Sevilla, Casares seguía actuando como si tivese o control da situación.

As organizacións obreiras CNT e UXT pedíanlle que autorizase o reparto de armas á poboación para resistir o golpe e chegou a dicir “quien facilite armas sin mi consentimiento será fusilado”. Tampouco declarou o estado de guerra; so destituíu a Franco, Cabanellas, Queipo de Llano e González de Lara, medida totalmente ineficaz xa.

Exiliado. Sancionado.

Dimitiu do cargo de presidente do Goberno na noite do 18 de xullo e 1936.

No seu mandato autorizou o referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG), aprobado por votación popular o 28 de xuño de 1936.

Non ocupou ningún cargo público durante a guerra, quedando nun segundo plano. Moi desacreditado diante dos republicanos. O gobernador civil da Coruña, José-María Arellano Igea, chegou a ordenar que se retirara o seu “odiado nombre” de todos os documentos públicos.

Tras da caída de Cataluña, marchou a Francia con Manuel Azaña e Diego Martínez Barrio.

Cando se produce a liberación de Francia dos nazis crease o Bloque Republicano Nacional Galego (BRNG), que mantén lazos coa UNE, presidido polo independente Manuel Portela Valladares e no que figuran: Santiago Casares Quiroga e Manuel Martínez-Risco Macías, de Esquerda Republicana (ER); César Alvajar Diéguez, de Unión Republicana (UR); Enrique Liste Forján, Enrique Líster, polo PCE; Luis Vidal, pola UXT e Luis Vázquez Rodríguez, polo PSOE. O Partido Galeguista (PG) non tiña representantes porque tiña pouca forza no exilio.

Morreu no exilio en París en febreiro de 1950.

Sufriu a incautación de bens das súas propiedades na Coruña.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.