← Volver atrás

Andrade García, Benigno

Alcume: Foucellas, Rafael
Perfil histórico: Guerrilleiro, Vítima da represión

Datos persoais

Situación: Fuxido. Executado

Nacemento:

As Foucellas, San Martiño de Cabrui, Mesía
(A Coruña)
- 22/10/1908 ? No caso de non coñecer o día e o mes de nacemento, estableceuse o 01/01

Morte:

A Coruña
- 07/08/1952 ? No caso de non coñecer o día e o mes da morte, estableceuse o 01/01

Biografía

Xornaleiro, artesán, 27 anos. Casou con María Pérez Mellid (nada na República Arxentina) e tiveron dous fillos: Josefa (Pepita) nada en 1936 e Sergio que naceu en 1939. Veciños de Mesía. María traballaba na casa do médico de Curtis, Manuel Calvelo López, quen, coa súa muller Isabel Ríos Lazcano, dirixía a célula comunista da localidade e influíron de xeito importante nas ideas políticas de Benigno.

Traballou no campo desde moi novo; tamén nunha leitería. Traballou nas minas de Fabero (León) e cando volveu a Curtis (A Coruña) empregouse de camioneiro en Madeiras Torres. Tiña unha irmá que se chamaba Consuelo Andrade García e un medio irmán, José Couceiro García, exiliado en República Arxentina desde 1952.

Anarquista. No ano 1935 participa na constitución da agrupación local de Curtis de Esquerda Republicana (ER), da que foi vogal segundo. Afiliado á CNT en 1936 e ao PCE, participou en xuntanzas deste partido. Membro do Sindicato Labrego e de Oficios Varios de San Salvador de Xanceda, Mesía. Simpatizante da Radio Comunista de Curtis.

Fuxido. Executado.

Cando o golpe de Estado participou na recollida de armas que decretou o alcalde de Curtis, Benjamín Núñez Sanmartín e formou parte dunha columna que tentou acudir no socorro da Coruña o día 23/07/1936; na Ponte da Pasaxe, o deputado José Miñones Bernárdez advertiunos da inutilidade da acción.

Tivo que incorporarse á clandestinidade desde aquela data polo temor ás represalias. Ao comezo de guerra civil participou nun roubo de armas e outro de dinamita; temendo represalias dos sublevados locais, botouse ao monte; os falanxistas facían tarefas de limpeza na retagarda. O seu territorio de desenvolvemento ocupaba entón as zonas de Curtis e Mesía.

Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de rebelión, en dúas causas militares, co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía; puxérono en "busca e captura" pois non quixo presentarse a filas.

Axudaba aos labregos da comarca nas labores diarias e empregando os seus coñecementos de cestería.

En 1937 xa formaba parte dun grupo guerrilleiro de militantes da CNT no que tamén estaban: Jesús Lavandeira Pérez, Ladrillo, Dapena; Constantino Méndez, o Asturiano; Andrés Pérez Lavandeira e Manuel Pena Camino, Flores.

Xulgado en consello de guerra en Santiago de Compostela (A Coruña) o día 19/12/1936 polo delito de rebelión, na causa 399/36.

No dito caso condenaron á pena de morte a: Manuel Calvelo López, Isabel Ríos Lazcano e Manuel Sánchez Ayerbe; castigaron a cadea perpetua a: Manuel Pena Camino e Eduardo Sánchez Lago; tamén imputaron a Benigno Andrade García e a Jesús Calvelo López.

Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de rebelión, na causa 380/37.

O tribunal xulgador condenou á pena de morte a Adonis Morón Silva; castigaron a cadea perpetua a: Ramón Díaz González, José-Ramón Lagares García, Pedro del Río Caramelo e Jesús Sánchez Rodríguez; penas de 15 anos de cadea para: Manuel Mella Sánchez, Andrés Seoane Seijas e Antonio Uzal Gaudeoso; 12 anos e un día de cadea para: Ramón Bra Rioboo, Manuel Cernadas Ares, Antonio Gómez Carneiro e Manuel Sanjurjo Manteiga; privación de liberdade por oito anos e un día para José Sousa Hermida; auto de absolución para Pedro Lago Sánchez; declararon fuxidos a: Andrés López Suárez, José Mosquera Rodríguez e Vicente Ramos Iglesias. Tamén procesaron a: Benigno Andrade García, José Pérez Sanmartín, Ricardo Sánchez Rivas, Vicente Suárez Botana e Ángel Villaverde Bello.

No ano 1941 púxose á fronte dun grupo de maquis que actuaban, principalmente, en Sobrado e Arzúa, e formábano presos republicanos fuxidos. En 1942 incorporouse ao seu grupo Emilio Pérez Vilariño, Claudio Beas.

Acusado por Eduardo Sánchez Lata de ser un dos autores, co propio Eduardo, do atraco ao muíño de Ramón Sar, na Illana, Santa María de Fisteus, Curtis, o día 30/03/1940. O atraco frustrouse e aos dous asaltantes perseguíronos os veciños e o alcalde de Curtis. A Eduardo ferírono e entregouse á Garda Civil.

Xulgado en consello de guerra en Lugo polo delito de atraco a man armada, na causa 465/43. Enxuizado neste caso con Manuel Pena Camino.

No ano 1943 uniuse ao grupo de Lisardo Freijo López, Tenente Freixo; Benigno tiña dous fusís, varias pistolas e granadas de man. Ferido fortuitamente en marzo de 1943 pola súa propia arma, operárono, co nome falso de Juan Fernández, no Sanatorio San Nicolás, na praza de Vigo, na Coruña. Dende alí ía ver os partidos do Depor; era gran seguidor de Acuña. Durante a súa recuperación pasou seis meses nunha casa do barrio de Monelos.

Xulgado en consello de guerra en Santiago de Compostela (A Coruña), na causa 395/44. Neste procedemento enxuizárono con Andrés Pérez Lavandeira.

En 1944 un grupo de superviventes da partida dos Maletas, entre os que se encontraba José García Molares, Maletas, uníronse ao seu grupo.

En 1945 entrou no Destacamento Santiago Álvarez da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (EGG) que dirixía Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, destacamento que comandaba Lisardo Freijo López, Tenente Freixo.

Por este destacamento pasaron Benigno Andrade García, Foucellas; Pedro Calvete Brea; José-Antonio Cortiñas Blas, Fondista, M. Vega; Francisco Cousillas Pombo; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete; Manuel Díaz Pan, Rogelio, Casado; Lisardo Freijo López, Tenente Freixo; José Galán Núñez, Dereito, Miguel; e no que tamén se integraban Samuel Mayo Méndez, Saúl das Olas, Pelayo, Raúl, Alicantino; Ramiro Martínez López, Zapateiro; Manuel Pena Camino, Flores, Dios; Emilio Pérez Vilariño, Claudio Beas, Emilio; Manuel Ramiro Souto; Francisco Rey Balbís, Moncho; Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer, Valentín, Asturiano, Chispas; Pedro Rodríguez Gómez; José Santiago Temprano, Henares, Hornaca; Jesús Valeiro Gómez, Antonio, Calias, e José Vázquez Mauriz, Patitas.

O día 15/03/1945 un grupo de guerrilleiros no que estaban: Manuel Ponte Pedreira, Emilio Pérez Vilariño, Manuel Pena Camino, Lisardo Freijo López e Benigno Andrade García, achegáronse á taberna de Domingo Fariña, o Mintireiro, confidente da Garda Civil, sobre as 23:00 h. Ali atoparon ao cabo da Garda Civil, Manuel Bello López, ao que metrallou desde unha ventá Pérez Vilariño e co resultado de morte. Foucellas sempre negou a súa participación, pois fora compañeiro do cabo de pequenos na escola.

O día 30/03/1945 feriuse de arma nun xeonllo cando ía a cabalo. Os seus compañeiros obrigaron ao médico de Ordes (A Coruña), Antonio Concheiro Iglesias, a que lle fixera as primeiras curas. Logo tamén o atendeu o médico de Tordoia (A Coruña). O médico de Santiago de Compostela (A Coruña), Ramón Baltar Domínguez deu apoio aos guerrilleiros e fuxidos no seu sanatorio; neste caso fixo algunhas radiografías ao doente Foucellas en 1945. Benigno ingresou no Sanatorio Santa Lucía da Coruña, onde permaneceu uns cinco meses e outros tres meses no domicilio de Manuel del Valle Zamorano e da súa dona Francisca Souto Alvedro, no barrio de Monelos, onde o visitaban a súa muller e Isabel Ríos Lazcano; Manuel sería detido máis tarde por colaborador. Despois pasou outra tempada de recuperación en Ru, Santiago de Vilasantar, Vilasantar (A Coruña), na casa de María Novo García.

Sempre mantivo a súa independencia ideolóxica chegando a ser condenado a morte, no ano 1946, polos novos cadros políticos.

Ao médico de Cabana de Bergantiños (A Coruña), Fernando-José Chacartegui Barbier, detivérono o día 18/06/1946 por prestar asistencia médica ao guerrilleiro Foucellas, polo que o encarceraron e logo marchou ao exilio.

Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de colaboración con bandoleiros, na causa 159/46.

Procesaron neste expediente, entre outras persoas, a: Benigno Andrade García, Carmen Balboa López, Jesús Balboa López, Manuel Pena Camino, María Pérez Mellid, Manuel Ponte Pedreira e Francisco Rey Drox.

Xulgado en consello de guerra na Coruña polo delito de asasinato, na causa 271/46.

Procesaron neste expediente, entre outras persoas, a: Benigno Andrade García, José Blanco Núñez, Francisco Cousillas Pombo, José Dasilva Bartomeu, Manuel Díaz Pan, José Pedreira de la Iglesia, Manuel Pena Camino, Manuel Ponte Pedreira, Avelino Rivas Pombo, Marcelino Rodríguez Fernández e José Soto Pombo.

Refuxiouse na Cernada, Santa María do Deveso, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), na casa de Rafael Freire Lamas, pai dos Freire Barcia e gran apoio da guerrilla. Máis tarde, a finais de 1948, a guerrilla decidiu construír unha base preto da Cernada, logo de elixir o emprazamento, as obras de construción correron a cargo de Juan Freire Barcia, Antonio Castro López, Tucho, e Foucellas, que tiña boa man para estas cousas.

En 1946, en Milreu, San Vicente de Fervenzas, Aranga (A Coruña), á súa partida sorprendérona, por mor dunha delación, mentres descansaban. Marcelino Rodríguez Fernández, Marrofer; Lisardo Freijo López, Tenente Freixo; Ángel Álvarez Rego e José Doldán Don, Daniel, morreron no enfrontamento coas forzas do orde. Benigno Andrade García; Avelino Rivas Pombo, Edelmiro, o Rubio; Francisco Cousillas Pombo; Manuel Díaz Pan; Emilio Pérez Vilariño; José Dasilva Bartomeu, Moreno, Manolete, e Pedro Calvete Brea lograron fuxir porque se atopaban noutro edificio.

O día 16/01/1947 Benigno Andrade García; José Blanco Núñez, Ferreirín; José Remuiñán Barreiro e Manuel Díaz Pan, entran na casa de Antonio Mosquera Aller, en Queiroa, San Lourenzo de Olas, Mesía, para exixir a entrega dunha pistola. As cousas revólvense e morreron Antonio Mosquera e o seu veciño Manuel Sánchez Quindimil.

En 1947 acubillouse, coa súa cuadrilla, na Berxa, San Lourenzo de Olas, Mesía, na casa do ex-alcalde de Mesía Antonio Gómez Carneiro e da súa muller, Emilia Gómez Gómez. Por este feito, a Gómez Carneiro encarcerárono en 1947.

No decurso de 1947 volveu fuxir, aínda que a súa actividade comezou a decaer, xa que moitos dos seus compañeiros morreran en emboscadas, enfrontamentos militares ou se entregaran. Neste ano intégrase no seu grupo Florentino Menéndez Palacio, Tino, o Asturiano, e José Remuiñán Barreiro, Ricardito, que foi o seu lugartenente.

En 1948 pasa á V Agrupación do EGG, creada por Antonio Seoane Sánchez, Julián, Jorge, en Pontevedra, que el lideraba con José Remuiñán Barreiro, Ricardito, e na que tamén figuraban Basilio Calvar Solla, o Roxo de Domaio; Ricardo Fernández Carles e Vicente López Novo, Rufino. Neste grupo coincidiu con Joaquín Sánchez Patiño, enlace que lle deu moitas veces cama e comida. Nos primeiros meses de 1948 divide a Agrupación en dous grupos, un liderado por Miguel Nicolás Esperante, o Corcheiro, e o outro por Rufino.

A partida de Benigno Andrade García axustiza ao falanxista Jesús Cuñarro Mosteiro (acusado de participar nos paseos durante o Movimiento) na súa taberna de Santiago de Cercio, Lalín (Pontevedra) o día 10/02/1948. Interveñen na acción Foucellas, Florentino Menéndez Palacio, José Remuiñán Barreiro, Julio Bazarra Constenla, Vicente López Novo, Miguel Nicolás Esperante e Eugenio Rueda Perosanz.

O día 27/04/1948 oito homes do grupo de Benigno Andrade García axustizan en San Salvador de Taragoña, Rianxo (A Coruña) ao falanxista José-Ramón Mosquera Fungueiriño. Entre os oito axustizadores atópanse Foucellas, José Remuiñán Barreiro, Vicente López Novo e Julio Bazarra Constenla.

Ao grupo avistouno a Garda Civil en Loureiro, Santa María de Luou, Teo (A Coruña) o día 19/05/1948, cando descansaba nun alpendre da casa de Carmen Mosqueira Parajo. Nun primeiro enfrontamento, no fogo cruzado, morre o número da Garda Civil, Manuel Jardón Castro. O sarxento Antonio Otero Louro, ao mando dos gardas civís, ordena incendiar o alpendre onde se refuxiaban os guerrilleiros; Manuel Agrasar Cajaraville, Barbarroxa, morreu polos disparos das metralladoras xunto con Vicente López Novo, Rufino; Florentino Menéndez Palacio, Tino, e Ricardo Fernández Carles. Dous guerrilleiros logran fuxir, Benigno Andrade García e José Remuiñán Barreiro, retiráronse á zona de Curtis.

Seoane Sánchez e José Gómez Gayoso decidiron axustizalo pola súa indisciplina. Alguén o puxo ao tanto e escapou.

Ao caer a IV Agrupación, Manuel Bastida Franco, Chone, pasou, o día 08/01/1949, á V Agrupación que comandaba Foucellas.

En Soutelo de Montes (Pontevedra), Foucellas vese involucrado o día 08/01/1949 na morte do sub-cabo do Somatén, José Couceiro Taboada e da súa dona, María Constenla Fariña. Semella que no acto ía acompañado por José Blanco Núñez, Ferreirín. No seu procesamento Benigno indicou que as mortes foran obra de Blanco, cando fuxían do acoso das forzas represivas.

O acoso da garda civil devólveo a Curtis. Integrouse no Destacamento Arturo Cortizas. Neste destacamento estiveron, entre outras persoas: Adolfo-Cipriano Allegue Allegue, Riqueche; Rogelio Alonso Corral; Benigno Andrade García, Foucellas; José Chao Rouco, o Benita; Amador Domínguez Pan, Jaime Pimentel; Juan Gallego Abeledo, Juan dos Buzos, Comandante; Leonardo Gómez Pérez, Trancas; Manuel Gómez Varela, Fera Brava, Manolo do Penso; Juan González Martínez, Perucho, Pinocho; Antonio López Arias, Canín; Francisco Martínez Leira, Pancho; José Remuiñán Barreiro, Ricardito, Simeón; Rosendo Sar Lantes, Rosendo de Alvedro, e José Temblás Paz, Temblás.

Nos anos 50 e 51, xa moi minguados os maquis, con Manuel Vilar Arnoso, Manolito, (que comezara por ser un dos seus enlaces e se sumaría ao seu grupo no ano 1949), trasladouse a zona de Betanzos (A Coruña); desvinculouse da guerrilla.

O día 9 de marzo de 1952 rematou detido no lugar da Costa, Burricios, Santa María da Regueira, Oza dos Ríos (A Coruña), despois da delación de José-María Díaz López, que os descubrira nunha leira da súa propiedade e que, ata entón, fora un valioso enlace da guerrilla; a Díaz López premíao a Garda Civil. No enfrontamento morreron Manuel Vilar Arnoso, Manolito (axustizado de dous tiros na cabeza en aplicación da Lei de Fugas), outro maquis e o garda civil, Cesáreo Díez Pérez; feriron o número Nicanor Álvarez Álvarez e logrou fuxir Juan Couto Sanjurjo, Simeón, que estaba enfermo e agochado noutra casa. Detido con outros dous compañeiros; a el ferírono en brazos e pernas e colléreno coa perna dereita rota. O operativo contra os fuxidos dirixiuno o tenente da Garda Civil de Curtis, Enrique Vázquez Martínez.

Interrogado e terriblemente torturado en Betanzos, confesou a axuda recibida dalgunha das autoridades e dos homes e mulleres que o apoiaran. Na tortura removíanlle a perna fracturada con gran dor e comenzou a cantar; por isto detiveron varios alcaldes da provincia da Coruña.

No cárcere coincidiu con Antonio Ares Abelleira, Toñito.

Xulgado en consello de guerra o día 26/06/1952 na Agrupación de Sanidade Militar da Coruña e condenado á pena de morte. A condena executouse o día 07/08/1952 mediante garrote vil no cárcere da Coruña; tiña 43 anos. O seu verdugo foi o famoso Mariano, que viñera desde Burgos para axustizalo.

Despois da caída de Foucellas o único guerrilleiro que case que quedaba en activo en Galicia era Francisco Martínez Leira, Pancho.

O tribunal presidíao o coronel de Enxeñeiros, Gaspar Herráiz; era vogal relator o capitán auditor Narciso Alonso; fiscal o tenente Balbino Teijeiro e defensor o capitán de Artillería Benito Rivas Pichel. Os xornalistas presentárono como “hombre de 43 años de edad, bajo de estatura, delgado, vistiendo discreto traje azul, zapatos oscuros y camisa blanca, mostrándose tranquilo y animado conversador”.

Condenado tres veces a morte “como el mayor criminal de los últimos años” pese a non ter delitos de sangue. Tamén se lle impón unha indemnización de 450.000 pesetas para os herdeiros das súas vítimas e de 34.500 pesetas polas cantidades roubadas.

No cárcere coincidiu con Juan Couto Sanjurjo, Simeón.

Logo, o presidente do Tribunal díxolle ao procesado si tiña algo que alegar. Benigno púxose en pé e manifestou: “Solamente quiero decir que espero del Tribunal que me haga justicia. Nunca disparé sobre ningún ser humano y si lo hice obligado fue al aire. Creo que está muy claro que en nombre de Foucellas ha habido muchos atracos y que los seguirá habiendo. En el año 45, estando en el sanatorio, todos cuantos hechos se hacían eran en nombre de Foucellas. Pido otra vez que se me haga verdadera justicia”. O Tribunal retirouse posteriormente a deliberar, tralo que emitiu o seu esperado veredicto: pena de morte. Antes de que o executaran puido ver á súa familia; os seus fillos asistiron á execución.

Antes de morrer fixo testamento diante do notario José Roán Tenreiro.

Soterrárono nunha fosa común no cemiterio da Coruña.

Moitos curas esconderan a Foucellas, moitos de dereitas déranlle cama e comida. Tamén un tenente da Garda Civil de Ferrol, ao que visitou Pepita para darlle as grazas polo que fixera polo seu pai.

Famoso polo seu ulido para evitar as emboscadas, porque a súa irmá Consuelo Andrade García espiaba para el xa que traballaba no cuartel da Garda Civil de Curtis e sempre estaba atenta aos movementos programados polos gardas, información que logo pasaba a Benigno. En algunhas accións disfrazábase de cura, de garda civil ou de muller.

Aos maquis chamáronos "foucellas" en xeral e a lenda de Benigno forxouse entre o pobo, que coñecía a súa loita polas liberdades en Galicia e en España. Algúns delincuentes comúns culpaban a Foucellas dos seus propios crimes, debido a súa gran sona.

É o guerrilleiro de maior sona e atribúenselle accións nas que nunca tivo intervención, situándoo en varios lugares á vez. Realmente tivo pouca actividade guerrilleira pero existía a percepción de que todas as accións pasaban polas súas mans.

Sospeitase que tampouco era moi leal e que pasaba información ao tenente da Garda Civil de Curtis, cuartel no que traballaba a súa irmá Consuelo; en concreto para a emboscada de San Pedro de Filgueira de Barranca, Cesuras (A Coruña) do día 28/02/1951, no que perderon a vida Víctor e Marcos Paradela Barros, o Coxo de Paradela. Luis Lamela non descarta que en 1946 fora quen delatara a casa de Fervenza onde encontraron a morte Marcelino Rodríguez Fernández e Lisardo Freijo López; Marrofer ameazara con matar a Benigno pola súa indisciplina. Ademais, cando o prenderon revelou todo o que sabía sobre da resistencia armada e as redes de apoio. Denunciou a moitas persoas que o tiñan axudado nos seus 16 anos de vida no monte; a entre 80 e 90 enlaces xulgáronos polas súas delacións.

Axúdanos a mellorar

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.

Envía unha nova ficha

Titular do sitio web: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Finalidade: Procesar, xestionar e responder ás solicitudes de información ou comunicacións realizadas a través deste formulario. Base xurídica: Consentimento do usuario ao usar a ferramenta. Destinatarios: Os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Podes consultar a súa política de privacidade aquí. Dereitos: Podes acceder, rectificar e suprimir os teus datos. Consulta a nosa política de privacidade.